Saturday 18 de May de 2024

Feijóo avanza a sinatura o vindeiro xoves dun convenio coa Fundación Empresa-Universidade Galega para impulsar a captación de novos fondos europeos para as universidades


Lembra tamén que a Comunidade conta cun Plan de Financiamento Universitario que garante a estabilidade das universidades galegas ata 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a sinatura, o vindeiro xoves, dun convenio coa Fundación Empresa-Universidade Galega con 600.000 euros máis para impulsar a captación de novos fondos europeos; “para que desde esta Fundación se axude ás universidades galegas a seguir captando novos fondos e seguir nunha taxa de éxito de consecución dos proxectos de I+D+i, onde a universidade de Vigo –dixo- é especialmente ambiciosa”.

Tras a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Universidade de Vigo para a construción e desenvolvemento do edificio institucional e de I+D no Casco Vello de Vigo, Feijóo destacou o compromiso da Xunta co sistema universitario galego a través dun financiamento estable, unhas taxas conxeladas e novas axudas para a captación de fondos.

Nesta liña, lembrou que a comunidade conta cun Plan de Financiamento Universitario que garante a estabilidade das universidades galegas ata 2020. E, resaltou que as universidades e a Xunta foron capaces de chegar a un pacto de docencia clínica no grao de Medicina.

Así mesmo, subliñou que a conxelación das taxas universitarias é unha realidade por cuarto ano consecutivo. “Sacarse un grao en Galicia ten unha media de aforro de 1.500 euros con relación a outras universidades do resto de España. E, de feito, o que aforrarán as familias galegas durante o próximo curso serán 25 millóns de euros, e o que aforraron durante esta lexislatura foron 85 millóns en relación con outras comunidades de España”, abundou.

Un proxecto importante para a Universidade de Vigo e para a cidade
Do mesmo xeito, asegurou que o convenio asinado hoxe é transcendental para o conxunto da cidade de Vigo que ve colmada unha reivindicación histórica. “Hoxe estamos a dar un paso fundamental, o paso definitivo, para que a UVigo teña a sede institucional que se merece e no lugar que Vigo se merece, no Berbés”, afirmou.

Ademais da posta en marcha da rehabilitación de tres inmobles que sumarán ata 1.500 metros cadrados de zonas útiles, Feijóo explicou que o novo complexo tamén albergará o persoal de I+D+i, un espazo de coworking e diversas actividades culturais.

“Estamos a falar, polo tanto, dunha sede viva, aberta á cidade e á cidadanía, que se vai sentir máis orgullosa, se cabe, desta Universidade de Vigo”, matizou, ao que engadiu que este proxecto contará con preto de 2 millóns de euros.

“Vamos a seguir traballando coa Universidade de Vigo, porque traballar con ela é traballar no éxito de Vigo e de Galicia”, concluíu, afirmando que este convenio é un paso máis para desenvolver os ámbitos científicos do Campus do Mar; onde a Xunta, a Zona Franca e a Universidade volven coincidir cun proxecto de cidade e cun proxecto de Galicia. “Un paso máis, como supón tamén a recente sinatura coa Universidade de Vigo para incorporar a nova titulación de Enxeñaría Aeroespacial”.